SEARA impulsa o espírito emprendedor cunha charla práctica na Casa Dopeso de As Pontes

A Casa Dopeso acolleu hoxe a sesión “Atrévete a emprender: como transformar unha idea nun negocio”, unha iniciativa organizada pola Asociación de Empresarios SEARA, coa colaboración do Concello de As Pontes e da Deputación da Coruña. A actividade reuniu a persoas con interese en iniciar un proxecto empresarial, ofrecéndolles unha guía clara sobre os primeiros pasos para poñer en marcha un negocio.

Ao longo da charla abordáronse cuestións fundamentais como a elaboración do plan de empresa, os trámites necesarios ante a Seguridade Social e a Axencia Tributaria, así como as principais vías de financiamento e as subvencións dispoñibles para novos emprendementos.

A sesión estivo impartida por Carolina García Romalde, directora de SEARA, e contou coa asistencia de Ana Pena, concelleira de Industria do Concello de As Pontes, e de José Castro Romero, presidente de SEARA. Durante a intervención, subliñouse o apoio integral que a entidade ofrece ás persoas emprendedoras, acompañándoas desde a fase inicial da idea ata a posta en marcha efectiva do proxecto.

SEARA destacou a importancia de espazos como este para fomentar o talento local e fortalecer o ecosistema empresarial da comarca. A organización agradeceu a participación e implicación das persoas asistentes, que achegaron ideas, motivación e unha notable vontade de emprender.