

SEARA homenaxea o talento feminino con motivo do Día da Muller Emprendedora
A Asociación de Empresarios SEARA continúa coa preparación do Día da Muller Emprendedora cun vídeo especial que pon en valor o traballo de dez proxectos liderados por mulleres que están a transformar As Pontes e a comarca de Ferrolterra coa súa visión, o seu esforzo e unha forma única de entender a empresa.
As protagonistas deste recoñecemento son:
María Cabarcos (Aserrín); Xela Rodríguez e Lara Teijeiro (Testuda Design); Silvia Tembrás (Clínica Soldent); Eva Vázquez (24 Horas); Mari e Pili Felgueiras (La Estrella); Celia Portela (Transportes Portela); Sandra Teijeiro (Xandra); Eva e Ana Corral (Gasolineras As Pontes); Diana Fernández (taxista e gandeira); e Elsa Penabad (Despensa do Bañal).
Trátase de proxectos moi diversos, con historias tamén diferentes, pero cun nexo común: a fortaleza e determinación das súas impulsoras. Algunhas iniciaron o camiño desde cero; outras continuaron unha tradición familiar. Todas comparten a mesma realidade: emprender significa xestionar o tempo, conciliar, innovar, tomar decisións valentes e construír un proxecto propio.
Con este vídeo, SEARA quere darlles voz e visibilidade, lembrando que a presenza da muller é esencial en todos os ámbitos da actividade económica e que o seu papel seguirá sendo clave no futuro do noso tecido empresarial.
Un recoñecemento ao seu compromiso e á súa capacidade para inspirar a toda a comunidade emprendedora.
