

SEARA celebra o Día da Muller Emprendedora
A Asociación de Empresarios SEARA celebrou hoxe o Día da Muller Emprendedora cun acto cargado de emoción, inspiración e historias que deixan pegada no tecido económico da comarca. A xornada contou coa participación especial de Cristina Saavedra Pita, destacada xornalista galega, quen ofreceu unha ponencia centrada en reivindicar o talento feminino, o liderado e o papel esencial das mulleres no avance social e empresarial.
Ao longo da súa ampla traxectoria profesional —desde os seus inicios na TVG, pasando por Antena 3 e consolidándose como unha das voces informativas máis recoñecidas de laSexta— Saavedra distinguiuse polo seu rigor e sensibilidade, sendo galardoada con premios tan relevantes como a Antena de Ouro. No encontro, o público puido ademais descubrir o seu lado máis persoal: próxima, empática, amable e cunha fonda conciencia social. Comprometida ao longo de máis de vinte anos coa ONG Global Humanitaria, destacou a importancia de dar visibilidade ás persoas en situación de vulnerabilidade, unha tarefa á que agora pode dedicar aínda máis tempo.
Durante o acto presentouse tamén un Vídeo Conmemorativo que recolle iniciativas empresariais lideradas por mulleres da nosa contorna. Un material inspirador que pon en valor a diversidade, a creatividade e a capacidade de transformación das emprendedoras locais, servindo como referencia para quen desexe iniciar un proxecto ou fortalecer o seu propio camiño profesional.
SEARA agradece a todas as mulleres que continúan abrindo vieiros no emprendemento, contribuíndo a construír unha economía máis igualitaria, innovadora e inclusiva. Hoxe celebramos, recoñecemos e acompañamos o voso talento.



