O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o Consello da Xunta aprobará a creación do Bono Autónomo, unha iniciativa pioneira que facilitará 3000 euros aos autónomos para consolidar o seu negocio. Calcúlase que esta medida poida beneficiar este ano a 1000 traballadores por conta propia, sempre que leven un mínimo de 42 meses de actividade.
Con este bono poderanse financiar actividades como servizos de comunicación ou relanzamento comercial, un plan de mellora empresarial ou asistencia para xestión financeira ou optimización de procesos, entre outros.
No encontro ‘Os nosos autónomos, a nosa forza’, Feijóo repasou tamén algunhas das medidas da Estratexia do autónomo 2020, na que se inscribe o Bono Autónomo e que está dotada con 40 millóns de euros anuais ata o final da década. Entre elas está a Oficina do autónomo, unha xanela única na que cada autónomo poderá dispoñer de información de interese, como as axudas que pode recibir. “O autónomo non debe traballar para pagar a Administración, senón que a Administración debe traballar para facilitarlles a vida aos autónomos”, reivindicou.
Tamén a ampliación en 16 semanas adicionais da bonificación do 100% da cota á Seguridade Social do traballador contratado cando unha persoa autónoma teña un fillo. “Deste xeito, a baixa por maternidade ou paternidade será o dobre que no resto de España”, afirmou o presidente.
Prioridade política
Feijóo lembrou que oito de cada dez euros dos fondos previstos para os autónomos ao longo de todo o ano xa estarán activados ao final deste mes. Deste modo, os autónomos consolídanse como unha prioridade nas políticas públicas, tanto a nivel autonómico como estatal. Isto queda demostrado coa nova Lei de reformas urxentes do traballo autónomo que aprobou esta semana o Congreso dos Deputados, “unha moi boa noticia”, segundo a cualificou Feijóo. Cando estea aprobada de xeito definitivo, Galicia estará preparada para cumprir o compromiso de reforzar e ampliar a tarifa plana para novos autónomos que ofrece o Goberno central.
Ademais, tamén repasou as medidas da “política económica útil” que axudaron a amortecer os golpes da recesión nos autónomos galegos: a eliminación con carácter xeral da licenza previa de apertura, incentivos fiscais, a Rede de Aceleradoras e a axilidade no pago a provedores (só 5,7 días de media no primeiro trimestre). “Hoxe, ser autónomo en Galicia é menos difícil do que era en 2009”, afirmou Feijóo
En definitiva, coa recuperación económica e as medidas de apoio aos autónomos, estes terán máis facilidades para conciliar, un orzamento específico os mesmos dereitos que un traballador por conta allea, máis apoios públicos e menos papelame e trámites coa Administración. “Os autónomos fostes os primeiros en sufrir os embates da crise e os autónomos deberedes ser dos primeiros en sentir os beneficios da recuperación”, concluíu o presidente.