O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu hoxe no Salón de Plenos da institución provincial os 24 alumnos e alumnas do CPI Monte Caxado das Pontes que, co apoio da Asociación de Usuarios de Solo Industrial (SEARA) da localidade pontesa, conformaron a cooperativa educativa PROEM para promover iniciativas emprendedoras dende a escola.
A rapazada, de entre 14 e 16 anos, contou a súa experiencia dende a creación e organización das distintas áreas da empresa ata o desenvolvemento, ao longo de dous anos, dunha aplicación para teléfonos móbiles enfocada a promocionar os atractivos e as empresas que ofertan servizos turísticos na localidade.
A presidenta de PROEM, Uxía Castro, explicou a xénese do proxecto, que partiu da idea de crear unha ferramenta para que os mozos e mozas poidan saber que facer cando visitan As Pontes e que hoxe está enfocado «a fomentar o turismo e a economía» da localidade.
Un a un, o alumnado responsable dos distintos departamentos deste proxecto piloto de emprendemento escolar (dirección, comunicación, comercial, redes sociais, desenvolvemento e programación) foron presentando, co apoio de tabletas e teléfonos móbiles, as distintas vantaxes «da única app turística da zona, desenvolvida por mozos e gratuíta», que serve para «dar a coñecer As Pontes e para prepararnos para o mundo laboral».
Un proxecto que segue evolucionando
Os mozos emprendedores explicaron tamén que se trata dun proxecto dinámico e en constante evolución, coa tradución dos contidos da app ao galego e ao inglés, a xeolocalización das empresas pontesas (incluíndo os seus datos de contacto), a inclusión de novos espazos de promoción empresarial e o crecemento en redes sociais e a través da web http://khacerxaqui.com/. Na actualidade, unhas 200 empresas do municipio xa se anuncian na aplicación, cun custe de 5 euros por empresa.
Os mozos, que en 2016 gañaron o premio As Pontes Emprende á mellor iniciativa escolar, explicaron tamén que os cartos do galardón destináronse a adquirir o dominio da web, a facer merchandising de PROEM e a ferramentas desenvolvemento de aplicacións para móbiles, co obxecto de que a iniciativa empresarial siga medrando e se estenda a outros centros escolares, a pesar de que este ano os 24 rapaces que cursan 4º de ESO no CPI Monte Caxado pasarán ao instituto de secundaria.
Ao remate da presentación, o presidente da institución provincial e tamén alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, felicitou o alumnado, o profesorado do CPI Monte Caxado que titorizan o proxecto, e á directora de SEARA, Carolina García, pola súa «implicación e dedicación a un proxecto que é todo un exemplo do que os mozos sodes capaces de facer» e que considerou que pode ser «exportable a outros concellos da provincia»:
«Podedes estar ben orgullosos do voso traballo», afirmou González Formoso, que destacou a bagaxe e coñecementos que achega os alumnos e alumnas ao desenvolvemento dun proxecto destas características: dende saber que pasos seguir para constituír legalmente unha empresa, pasando polo desenvolvemento e comercialización da aplicación, ata o permanente contacto co tecido empresarial das Pontes.
Os profesores responsables do proxecto, José Manuel Martínez Loureiro e Sara Álvarez Otero, subliñaron a importancia de que o alumnado «aprenda a crear e a traballar en grupo» con proxectos coma este; mentres que a directora de SEARA, Carolina García, destacou a necesidade de implicarse no proxecto alén do ámbito lectivo xa que o alumnado «traballaron nos recreos, na casa e no seu tempo libre» para facer realidade esta iniciativa.