O Presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiu esta mañá en As Pontes a unha reunión con representantes da Asociación de Empresarios SEARA, para coñecer de primeira man o labor que se ven desenvolvendo nos colexios e institutos da provincia a través do proxecto «PROEM» promovido pola institución provincial dentro do Plan de Emprego Local (PEL).
O proxecto PROEM naceu para fomentar a participación de entidades empresariais e centros educativos da provincia na promoción do espírito emprendedor como un dos motores principais da innovación, a competitividade e o crecemento económico da provincia.
González Formoso quixo coñecer de primeira man os resultados obtidos no curso pasado 2017-2018, do traballo realizado a través do convenio asinado coa Asociación de Empresarios SEARA, onde participaron outras entidades como a Asociación de Empresarios de Sabón, a Asociación de Empresarios da Grela, e a Comunidade de Propietarios de Bergondo. O presidente provincial valorou positivamente o traballo realizado, e animou a estas entidades a seguir traballando nesta liña «O contacto do mundo empresarial co ensino é fundamental para fomentar o espírito emprendedor».
O resultado foi que grazas a este convenio, creáronse cinco cooperativas estudantís, Cooperativa 3Sonrisas, Xelo Cooperativa Educativa, Daex’s Cooperativa, Cakehouse Cooperativa e Cross Design. Estes últimos, gañadores do accésit no Certame «Cooperativismo no Ensino» deste ano. Todos eles aprenderon «a realidade» do traballo dunha cooperativa, e sobre todo adquiriron competencias e habilidades de emprendemento.
O presidente da Asociación de Empresarios SEARA, fixo fincapé na importancia da continuidade deste tipo de proxectos, para promover unha sociedade activa e emprendedora.